Os Estalotes son unha murga de música tradicional galega vinculada á cidade de Santiago de Compostela e, especialmente, ao barrio de San Pedro. A formación caracterízase por tocar pezas tradicionais nun contexto participativo e festivo, especialmente en tabernas, rúas e foliadas. A súa actividade está estreitamente relacionada coa recuperación e difusión do canto popular galego e coa revitalización da tradición musical tabernaria en Compostela.
Historia A orixe de "Os Estalotes" sitúase nos primeiros anos da década de 1990, a partir dun grupo de persoas vinculadas á Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela. O núcleo inicial do grupo estaba formado por xente que se xuntaba para tocar e cantar e foi posteriormente cando se iniciaron os traxectos polos bares e tabernas do barrio de San Pedro. A relación co mundo da música de todos os integrantes foi facendo que se xerara unha rede de músicos arredor do grupo, pasando a ser unha formación máis numerosa e variada en instrimentos.
Aínda que o inicio da actividade continuada do grupo rondando polos bares da capital galega se data do curso académico 1993-1994, non é ata o 2001 cando se constitúe a asociación cultural "Os Estalotes" de xeito formal.
Actividade A actividade dos Estalotes estivo desde os seus comezos fortemente ligada á rúa de San Pedro e ás súas tabernas, acontecemento tamén relacionado co feito de que un dos seus integrantes históricos, Morgan, tivera unha das tabernas históricas da capital, o Xa Chegou. Aínda que a formación da murga estea integrada por unha serie de músicos que van variando segundo o día, o bar ou a peza; o repertorio mantense sempre vinculado e fiel á música tradicional galega, á que persoas que se atopan no establecemento están animadas a unirse, xa sexa como cantadores/as ou bailadores/as.
Máis alá dos bares a participación da murga en festividades dentro da capital tamén é numerosa, sendo parte dos grupos que tocaron nas festas do barrio de San Pedro, nas alboradas ou cantos de taberna das festas locais da capital... O seu labor de recoñecemento e difusión de pezas tradicionais galegas levaron á agrupación tocar a países como Francia, Polonia ou Portugal.
O propio éxito do grupo fixo que se xerara un termo arredor dos encontros onde eles tocan, as estalotadas, caracterizadas por ser xuntanzas que teñen lugar o terceiro venres de cada mes. Os músicos tocan pero sempre coa filosofía de ser aberto ao resto de xente que non é público, senón que son membros e partícipes das estalotadas. Actualmente as estalotadas son anunciadas a través de carteis e das redes sociais, onde se indica cales serán os bares frecuentados nese serán.
A dinámica dos Estalotes combina a interpretación musical, o canto colectivo, o baile e a convivencia en espazos de carácter popular.
Repertorio A murga toca fundamentalmente pezas da música tradicional galega, especialmente da zona de Santiago de Compostela. A agrupación destacou pola importancia concedida ao canto, característica relacionada coa procedencia dalgúns dos seus integrantes da Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos.
O grupo nunca realizou gravacións nun estudio, co que a súa actividade está totalmente ligada ao directo. Por outra banda e coa intención de que se difundira o repertorio e de permitir o canto grupal nas estalotadas foron realizadas varias publicacións onde se recollen as cancións interpretadas polo colectivo.
Notas
Categoría:Grupos musicais de Galicia Categoría:Grupos musicais en galego Categoría:Grupos galegos de música tradicional