David Roy Lithgow, nado en Toowoomba o 20 de novembro de 1928 e finado en Brisbane o 26 de outubro de 1994, foi un médico, lingüista, tradutor bíblico e misioneiro protestante australiano vencellado ao Summer Institute of Linguistics (SIL) e á Wycliffe Bible Translators (WBT) . Desenvolveu durante máis de tres décadas o seu traballo principalmente na provincia de Milne Bay, en Papúa Nova Guinea, onde participou na tradución da Biblia, na descrición de varias linguas austronesias, xunto coa súa muller Daphne Lithgow, e en actividades médicas e educativas. Foi director rexional do SIL en Milne Bay dende a década de 1970 e coordinador de traducións do SIL en Papúa Nova Guinea de 1991 a 1993 . A súa produción lingüística concentrouse especialmente no muyuw e no dobu, aínda que tamén estudou outras linguas da rexión, e a súa obra afonda no coñecemento lingüístico dunha serie de linguas austronesias pouco documentadas de Milne Bay. Traxectoria Fillo de David Lansell Lithgow, veterano da Primeira Guerra Mundial, autor dunhas memorias da súa época na guerra, As I Remember, que publicou en 1979 e de Dora Alice Lithgow. Estudou medicina na Universidade de Queensland e foi o presidente da Unión Evanxélica da universidade. Nesa época coñeceu a Daphne Birt, estudante de ciencias, coa que se comprometeu en 1954. En 1956 licenciouse en medicina e fixo a súa residencia médica no Hospital de Townsville. Entre 1958 e 1960 traballou no Hospital da Misión Metodista en Fixi e en 1960 volveu a Australia, onde exerceu no Repatriation General Hospital de Greenslopes. En maio de 1963 marchou coa súa familia como voluntario da WBT a Papúa Nova Guinea e tras pasar un tempo en Ukarumpa, a base do SIL en PNG, estableceuse na aldea de Wabunun no sueste da illa Woodlark para traballar na tradución da Biblia ao muyuw e seguiu a exercer como médico. Lingua muyuw A actividade de Lithgow e a súa dona deu lugar a unha ampla descrición lingüística do muyuw. Logo de aprender a lingua ao longo de 1965 publicou estudos sobre a estrutura das oracións, os sintagmas, os nomes, os verbos, a fonoloxía, o discurso e o cambio lingüístico. Entre as súas primeiras publicacións está a elaboración entre 1965 e 1967 de cartillas para a aprendizaxe da escritura entre o pobo muyuw e os seus primeiros traballos lingüísticos, xa en solitario, foron Muyuw Clause Types and Structure e Muyuw Phrases, ambos os dous de 1969, así como estudos sobre o discurso e o parágrafo en muyuw. En 1971 editou coa súa dona Muyuw kwaneib-nen, un libro de contos tradicionais muyuw. En 1974 publicou, tamén coa súa dona, un dicionario muyuw so o título de Dictionaries of Papua New Guinea 1. Muyuw Language.

A culminación deste traballo foi a tradución do Novo Testamento ao muyuw que a David e Daphne, co apoio de colaboradores locais, remataron en 1972. Publicouse en 1976 co título Kaleiwag Kweivaw.

lingua dobu En 1972 David e Daphne Lithgow trasladáronse á illa Dobu para participaren nun proxecto de revisión e nova tradución do Novo Testamento ao dobu para substituír á realizada polo misioneiro metodista William Bromilow en 1908-1925 e aínda que entre 1978 e 1982 volveu a Australia, viaxaba anualmente a Papúa Nova Guinea para continuar a súa misión entre os dobu, malia estar a tratamento por cancro. A súa actividade no dobu incluíu a análise gramatical, a descrición fonolóxica, a preparación de materiais destinados á aprendizaxe da lingua ou libro de contos tradicionais Emwasala tubudao (1976). Entre os seus traballos figuran o artigo A Grammatical Analysis of a Dobu Text publicado en 1975 en Papers in five Austronesian languages, First Things First in Dobu (1978) e varios materiais de fonoloxía organizada elaborados en 1992. En colaboración coa súa muller elaborou Dobu-English Dictionary en 1977 que se revisou e ampliou en 1998.

Outras linguas A produción de Lithgow non se limitou ás linguas nas que participou directamente na tradución bíblica. Interesouse pola clasificación e polas relacións entre as linguas austronesias de Milne Bay e publicou traballos de carácter histórico e comparativo. En 1976 publicou History of Research in Austronesian Languages: Milne Bay Province e Austronesian languages: Milne Bay and adjacent islands (Milne Bay Province), un amplo estudo sobre as linguas austronesias da provincia e das illas próximas. En 1988 escribiu unha gramática do bunama que non chegou a publicar e en 1992 Using grammatical data to determine language relationships in Fergusson and Normanby Island languages of the Papuan Tip Cluster, un artigo sobre a utilización de datos gramaticais para determinar relacións lingüísticas nas linguas das illas Fergusson e Normanby. Sobre o tubetube publicou en 1987 o artigo Language change and relationships in Tubetube and adjacent languages e sobre o ʼauhelawa publicouse postumamente, en 1995, o artigo Reduplication for past actions in Auhelawa.

Notas

Categoría:Nados en 1928 Categoría:Finados en 1994 Categoría:Lingüistas de Australia Categoría:Misioneiros Categoría:Médicos de Australia Categoría:Nados en Queensland Categoría:Alumnos da Universidade de Queensland Categoría:Tradutores da Biblia Categoría:Lexicógrafos