Izz ad-Dīn ibn Abd al-Qāder ibn Mustafā ibn Yūsuf ibn Muhammad al-Qassām (en árabe: عز الدين بن عبد القادر بن مصطفى بن يوسف بن محمد القسام) foi un activista e predicador musulmán de orixe siria. Liderou a loita contra a ocupación francesa de Siria e o colonialismo inglés en Palestina, así como o movemento antisionista das décadas de 1920 e 1930.

Traxectoria Qassam naceu en Jableh, provincia siria do Imperio Otomán, en 1882. Estudou na Universidade de Al-Azhar en Exipto para logo converterse nun predicador do rexurdimento islámico na súa cidade natal. En 1911, tras o seu regreso, converteuse nun partidario activo da resistencia libia á ocupación italiana, recadou fondos e recrutou combatentes para axudar aos libios e escribiu un himno para eles. Máis tarde lideraría o seu propio grupo rebelde en alianza con Ibrahim Hananu para loitar contra o Mandato francés no norte de Siria, ratificado o 29 de setembro de 1923.

Despois da derrota dos rebeldes, emigrou a Palestina, onde se converteu nun funcionario waqf (dotación relixiosa) e indignouse cando veu de cerca a difícil situación dos campesiños palestinos. Avogou por unha yihad moral, política e militar como unha solución para pór fin ao dominio británico e ás aspiracións sionistas en Palestina. Na década de 1930, formou bandas de combatentes locais, incluída a Man Negra, para lanzar ataques contra obxectivos británicos e sionistas. Morreu asasinado nunha cazaría polas autoridades británicas en 1935, despois do seu suposto papel no asasinato dun policía. O historiador israelí Tom Segev chamouno "o Joseph Trumpeldor árabe". O seu activismo e a súa morte foron factores que levaron á revolta de 1936-1939 en Palestina.